Biden comeza a desmontar o legado de Trump e presenta un plan contra a covid−19
Non levaba máis que cinco horas de presidente e Joe Biden xa estaba estampando a súa sinatura en 17 ordes executivas con que comezaba a borrar o paso de Donald Trump pola Casa Branca. Entre outras decisións, o novo presidente paralizou a saída dos Estados Unidos da Organización Mundial da Saúde e ordenou o reingreso no Acordo polo Clima de París.
Tamén cancelou a construción dun polémico oleoduto, levantou o veto a viaxeiros dunha ducia de países musulmáns e asinou unha moratoria aos desafiuzamentos.
Pero a política migratoria levou a palma: Biden enviou ao Congreso unha lei para regularizar 11 millóns de indocumentados e restableceu o programa DACA, creado por Barack Obama para protexer da deportación 650.000 inmigrantes que entraron no país sendo nenos. O controvertido muro con México, do que Trump fixo emblema do seu mandato, non recibirá, de momento, máis fondos.
A outra gran prioridade dos seus primeiros días será a loita contra a pandemia: xa é obrigatorio o uso da máscara en edificios federais e transporte público. Este xoves, o seu equipo presentou un plan sanitario para aumentar tanto as probas diagnósticas como os puntos de vacinación. E desempoou unha antiga lei dos tempos da Guerra de Corea para obrigar o sector industrial a fabricar respiradores e outros equipos contra a pandemia.
Cambios tamén nas formas: na toma de xuramento dun milleiro de funcionarios do seu goberno, Joe Biden advertiu que despedirá no intre a quen lle falte ao respecto a un compañeiro. A súa nova xefa de prensa compareceu ante os medios salientando a importancia da prensa libre e independente, todo un contraste co desprezo con que Trump se dirixiu a eles desde ese mesmo atril.