Biden asina o terceiro rescate fiscal dos EUA fronte á pandemia

O presidente estadounidense Joe Biden asinou este xoves o plan de rescate fiscal de 1,9 billóns de dólares, aprobado polo Congreso, o terceiro na primeira economía mundial, para contrarrestar a aguda crise ocasionada pola pandemia. Este ambicioso paquete de rescate convértese así na primeira gran vitoria lexislativa desde que Biden chegou á Casa Branca o 20 de xaneiro pasado. "Esta lexislación histórica trata de reconstruír a columna vertebral deste país e dar á xente, aos traballadores, a xente de clase media, unha oportunidade de saír adiante", dixo Biden na cerimonia de ratificación no Despacho Oval da Casa Branca.
O mandatario anunciou que viaxará nos próximos días polo país para dar a coñecer os detalles do paquete e explicalo aos cidadáns. A pesar das promesas de unidade ante o desafío común da pandemia, o certo é que o novo rescate saíu adiante no Congreso sen un só apoio da oposición republicana. A lei inclúe novos pagos directos de 1.400 dólares aos contribuíntes que teñan ingresos de ata 75.000 dólares anuais por persoa, unha cantidade superior aos cheques de 600 e 1.200 dólares que se entregaron nos anteriores paquetes de estímulo.
Amplíanse, así mesmo, ata comezos de setembro, as axudas ao desemprego, de 300 dólares semanais, xa que os actuais fondos expiran o 14 de marzo, que é a data límite marcada tanto pola Casa Branca como polos demócratas en ambas as cámaras para teren o proxecto finalizado. Ademais, o paquete asigna 350.000 millóns de dólares para gobernos locais e estatais, 170.000 millóns para a reapertura das escolas, 14.000 millóns de dólares para fortalecer o plan de vacinación e outros 46.000 millóns de dólares para o sistema de probas para a detección do coronavirus.
O rescate impulsado por Biden unirase ao de 900.000 millóns de dólares que o Congreso impulsou en decembro e ao de 2,2 billóns de dólares, o maior da historia do país, en marzo de 2020, baixo a Presidencia do republicano Donald Trump. Estados Unidos é o país máis golpeado pola pandemia, con máis de 529.000 falecidos e máis de 29 millóns de casos.