CRTVG

Buscar

Biden anuncia que os EUA buscarán a neutralidade do carbono en 2050

Publicado o 22/04/2021 17:46
Biden anuncia que os EUA buscarán a neutralidade do carbono en 2050

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, anunciou que o seu país reducirá as súas emisións de gases de efecto invernadoiro un 53 por cento de aquí a 2030 respecto aos niveis de 2005 e comprometeuse a alcanzar a neutralidade climática do país en 2050.

Durante a inauguración do Cumio de Líderes sobre o Clima, impulsada polo mandatario norteamericano, Biden sinalou que os Estados Unidos son responsables de "menos" do 15 por cento das emisións de efecto invernadoiro do planeta, pero "ningún" país pode solucionar este problema global por si só, senón que "todas" as economías han de tomar acción.

Así, garantiu que os EUA están comprometidos para lograr ao final desta década unha nación máis limpa, próspera e sa e que beneficie o planeta. "Corramos esta carreira, fagamos que o futuro sexa máis sostible", apelou aos líderes e aos mozos, a quen se dirixiu para asegurarlles que os gobernos están "listos" para afrontar o desafío de proporcionar un mellor clima e mellor futuro. 

O compromiso de Biden supón un xiro radical na política seguida por Donald Trump nos últimos anos, e implicará unha profunda transformación da economía norteamericana. Foi, polo momento, o principal anuncio do cumio do clima, que se celebra hoxe e mañá.

O secretario xeral da Organización de Nacións Unidas, Antonio Guterres, reclamou un "planeta verde" porque na actualidade a terra está "ao bordo do abismo". Por iso, pediu aos países que establezan un compromiso de cero emisións en cada goberno, empresa, rexión ou cidade. 

Noticias web

22/04/2021