CRTVG

Buscar

Biden afonda a tensión con Rusia tras cualificar a Putin como "asasino"

Publicado o 17/03/2021 21:16

Rusia chamou hoxe a consultas o seu embaixador nos Estados Unidos, Anatoli Antónov, no contexto dunha deterioración progresiva das relacións entre Moscova e Washington tras as acusacións de axencias de intelixencia estadounidenses sobre a inxerencia rusa nas presidenciais de 2020.

En Rusia din que están interesados en evitar "a degradación irreversible" das relacións "se os estadounidenses son conscientes dos riscos que isto implica". As relacións entre Moscova e Washington non paran de deteriorarse, as axencias de intelixencia estadounidenses acusaron este martes a Rusia de tentar interferir nas presidenciais de 2020.

En concreto, afirmaron que o presidente ruso Vladímir Putin "autorizou" unha "ampla gama" de operacións para minar a confianza pública no proceso electoral e exacerbar as divisións para axudar ao daquela presidente Donald Trump e danar o candidato demócrata á Casa Branca.

O Kremlin reaccionou de inmediato e cualificou hoxe de infundadas estas acusacións, ao asegurar que Rusia está lista para protexer os seus intereses #ante unha eventual nova rolda de sancións.

Ademais, nun fragmento de entrevista publicado hoxe pola cadea estadounidense ABC, o presidente estadounidense afirmou concordar coa afirmación de que o seu homólogo ruso é un "asasino" e advertiu que "pagará as consecuencias" dos presuntos intentos de socavar a súa candidatura nas eleccións de 2020. Ante estas declaracións varios lexisladores rusos reaccionaron críticamente.

O presidente da Duma rusa (cámara baixa do Parlamento) cualificou estas declaracións como unha "ofensa a todos os cidadáns rusos" e afirmou que é "unha histeria provocada pola impotencia". Pola súa banda, o vicepresidente do Senado ruso Andréi Turchak afirmou que esta declaración de Biden representa "a demencia senil do seu líder".

Noticias web

17/03/2021