Biden advirte de que "morrerá máis xente" pola covid-19 se Trump non coopera con el
O presidente electo dos Estados Unidos, Joe Biden, advertiu este luns de que a peor consecuencia da obstrución do mandatario Donald Trump ao proceso de transición é que "morrerá máis xente" pola covid-19, e dixo que el "non dubidará" en poñer a vacina cando estea dispoñible.
Nunha conferencia de prensa en Wilmington (Delaware), Biden celebrou que haxa unha segunda candidata a vacina da covid-19 que avanza cara á súa aprobación, a da farmacéutica Moderna, pero lembrou que non servirá de nada ter ese produto se non hai un plan sólido para vacinar a todo os EUA.
"Canto antes teñamos acceso ao plan do Goberno (de Trump) para distribuír (a vacina), antes avanzará esta transición", afirmou o presidente electo.
Preguntado por cal é a maior ameaza derivada da negativa de Trump a recoñecer a súa vitoria nas eleccións, Biden respondeu: "Que podería morrer máis xente se non nos coordinamos (na xestión da pandemia)". "(A Casa Branca) di que ten un programa que non só trata como conseguir vacinas, senón como distribuílas. Se temos que esperar ao 20 de xaneiro para conseguir ese plan, iso supón un atraso dun mes ou mes e medio", explicou Biden, en referencia á data en que asumirá o poder.
O exvicepresidente lembrou que os EUA atravesan unha forte repunta de contaxios, que aumentaron nun millón só na última semana ata exceder os 11 millóns este luns, con máis de 245.000 mortos.
"Estamos a entrar nun inverno moi escuro. As cousas van poñerse moito máis duras antes de mellorar", alertou.
Biden opinou, con todo, que agora polo menos hai un "camiño claro" para conseguir unha vacina, coas boas noticias de Moderna e Pfizer, e tratou de inxectar confianza na seguridade deses preparados. "Eu non dubidaría en poñer a vacina (...). A única razón pola que a xente cuestiona agora a vacina é por Donald Trump", recalcou o presidente electo, en referencia ao costume do mandatario saínte de desafiar a ciencia.
Respecto ás súas expectativas de que Trump recoñeza a súa vitoria nalgún momento, Biden replicó: "Confío en que o presidente será lixeiramente máis sabio antes de que cheguemos a xaneiro". Con todo, reiterou que está a avanzar mesmo sen a cooperación do Goberno de Trump: "Isto paréceme algo máis vergoñento para o presidente que debilitante para a miña capacidade de empezar (a prepararme para liderar o país)".