Biden achégase á Casa Branca tras superar a Trump en Xeorxia e acurtar a vantaxe en Pensilvania
Joe Biden da un paso de xigante cara á Casa Branca tras tomar vantaxe en Xeorxia por un milleiro de votos, co 99 por cento escrutado. De facerse cos 16 compromisarios de Xeorxia, ao candidato demócrata bastaríalle con sumar calquera dos outros estados onde continúa o reconto, como Arizona ou Pensilvania. Aquí o voto por correo permítelle a Biden recurtar a vantaxe de 18.000 votos que lle saca Trump, nun escrutinio case agónico que sitúa todas as olladas en Filadelfia. A policía desta cidade investiga un presunto plan para atacar o centro de convencións onde se reconta o voto.
Acurralado polos resultados, Donald Trump comparecía para cuestionar o sistema democrático.
"Se contas os votos legais, gaño facilmente, se contas os ilegais, eles poden tratar de roubar as eleccións".
Unha acusación sen probas que fixo que as principais canles de televisión cortaran a emisión do discurso, criticado tamén por varios líderes republicanos.
Mentres, o candidato demócrata pedía "calma nun proceso que funciona".
Ante unha sociedade polarizada que segue con inquietude a 'foto finish' do proceso electoral.
Unha calma tensa que obrigou o servizo secreto a aumentar a protección do candidato demócrata á Casa Branca.