CRTVG

Buscar

Biden, 46º presidente dos Estados Unidos

Publicado o 07/11/2020 17:51
Biden, 46º presidente dos Estados Unidos

O demócrata Joe Biden será o 46 presidente dos Estados Unidos, despois dun rifado reconto electoral co seu contrincante e actual mandatario Donald Trump. O demócrata Biden, nado en 1942, xa exerceu como o 47 vicepresidente dos Estados Unidos de 2009 a 2017 no mandato de Barack Obama.

Anteriormente foi senador dos Estados Unidos por Delaware entre 1973 e 2009. Membro do Partido Demócrata xa buscara sen éxito a candidatura a presidente en 1988 e en 2008, obxectivo que logrou este xuño de 2020.

Reelixido no Senado por seis veces ata que renunciou para ser o vicepresidente de Obama en 2008 e logrou a reelección en 2012. Supervisou o gasto en infraestrutura en 2009 para contrarrestar a Gran Recesión. Hábil negociador cos republicanos, logrou sacar adiante distintas leis de control dos Orzamentos. Liderou tamén os esforzos para aprobar o tratado New Start entre os Estados Unidos e Rusia e apoiou a intervención en Libia ademais de axudar na política cara a Iraq coa retirada das tropas estadounidenses en 2011. Obama outorgoulle a Medalla Presidencial da Liberdade con distinción.

En 1972 a súa primeira esposa e a filla dun ano morreron nun accidente de tráfico. Biden volveu casar en 1977 coa súa muller actual, Jill. Os dous profesan a relixión católica. Outro dos seus fillos, fiscal xeral de Delaware, morreu de cancro cerebral en 2015.