CRTVG

Buscar

Bergantiños e Alondras terán que remontar nos partidos de volta polo ascenso

Publicado o 10/06/2019 16:55

Confirmouse a dureza dos emparellamentos desta segunda rolda polo ascenso. O Bergantiños acusou a falta de pegada en Villarubia e, despois de dispor de boas ocasións, encaixou un dous a cero que o deixa contra as cordas. Minaya abría o marcador á media hora de xogo aproveitando un balón morto na área pequena. Puido chegar entón o empate, pero á hora de xogo Arroyo enganchaba un remate imparable pola escuadra que non deixa outro camiño que unha difícil remonta en Carballo.

Pola súa banda, o Alondras esnafrouse contra o muro defensivo do Portugalete que, aínda por riba, deu unha clase maxistral de como saír á contra. En dúas accións rapidísimas os vascos cazaron dous goles en Cangas. Os dous levaron a sinatura de Bonilla. A empresa da remonta en Portugalete é difícil, pero non imposible grazas ao golazo de Yelko no último alento do partido. O Alondras precisa dous goles para superar a rolda en Portugalete.

"Non imos coas mellores sensacións. Queriamos non encaixar, encaixamos dous. Pero a ese último gol ao mellor non se lle dá a importancia que ten, pero penso que pode tela", dixo tras o partido Antonio Fernández, o adestrador do Alondras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/06/2019