CRTVG

Buscar

Berberecho en cantidade e calidade no comezo da campaña en Noia

Publicado o 16/09/2019 14:18

Mil cincocentas persoas teñen autorización para traballar na campaña de mariqueo que empezou esta mañá na ría de Noia e que se prolongará ata o mes de marzo. A campaña empeza con boas perspectivas. Parece que hai abundancia de berberecho e que é de calidade.

Os mariscadores en embarcación puideron regresar a terra moito antes do previsto.

"Ben, -dicía un deles-. Hai berberecho bastante bo. Tamén collemos ameixa xapónica; babosa non, igual hai menos este ano pero a ver se damos co sitio".

Nas últimas semana había nerviosismo. Preocupaba a presenza de toxina e que puidera atrasar o inicio da campaña. As últimas analíticas realizadas onte, domingo, achegaron tranquilidade. 

"Marchou a toxina. Aínda está na boca da ría pero as análises deron moi ben toda a semana e estamos máis tranquilos. agora a esperar ás poxas desta tarde para ver os prezos. As capturas de berberecho moi ben, disque en media hora collen o tope, e teñen hora e media de prazo", explicaba Santiago Cruz, patrón maior da confraría de Noia. 

Faltan por saber os prezos e como se desenvolverá o resto da campaña. As mostraxes realizadas ao longo do verán detectaron que hai moita cantidade de berberecho e tamén ameixa xaponesa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019