CRTVG

Buscar

Benedicta Sánchez regresa á casa tras gañar o Goya á mellor actriz revelación

Publicado o 26/01/2020 21:49

E despois dunha noite en que Benedicta tivo o seu maior recoñecemento como actriz e en que deu un discurso de agradecemento tan honesto como improvisado, hoxe aterraba de volta na que ela chamou "a súa Galicia meiga". Precisa volver á vida de diario para asumir amodo todo o que foron estes días.

Benedicta volve á vida de diario, cun Goya á súa autenticidade, non só no pantalla, tamén á hora de recollelo.Benedicta Sánchez. Goya á mellor actriz revelación: "Cando dixeron o nome, como había tanta cousa de que si, de que mo daban a min. Eu entraba por aquí e saía por aquí. Non facía caso. Pero cando nomearon a Benedicta vin que era realidade e alí me encamiñei. Non facía falta máis". 

A naturalidade de Benedicta xa o dicía todo. "E que non podería repetir nin unha palabra do que dixen, porque non me acordo".

"Axúdenme", dicía no discurso cando non se lle ocorría que máis dicir. Pero non precisaba axuda, porque alí estaba co seu premio ben merecido, man a man cos grandes.

"O meu ego vai chegar ás nubes, cando van altas".

Nunca imaxinou, cando comezou a gravación de 'O que Arde', o que estaba por chegar.

 

Benedicta Sánchez, Goya á mellor actriz revelación: "Non ten nada que ver a gravación con todo isto. Na gravación hai unha paz, unha tranquilidade, un equipo marabilloso, un director fantástico. Era como cando ía coas ovellas con outras pequenas e xogabamos a que eramos isto, que eramos aquilo... E non ten que ver. Agora a cousa é outra, non? As persoas queren, chámanme por teléfono".

Despois de tantas emocións toca volver á casa, como volveu Amador.Na película Benedicta dicíalle ao seu fillo.

"Pois eu estouche ben contenta de que esteas na casa".

E nós tamén o estamos de terte de volta e de que sexas a nosa revelación.

"Sobre o futuro xa non quero aventurarme porque na volta da esquina sae todo ao contrario. Quen che ía dicir aos meus 84 anos...". 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/01/2020