CRTVG

Buscar

Bélxica esixirá dúas PCR e corentena ás persoas que entren no país

Publicado o 30/12/2020 19:38

O Goberno belga solicitará a todos os viaxeiros que entren no seu territorio a partir do 31 de decembro que garden unha corentena de dez días e aos que cheguen a partir do día 2 de xaneiro esixiráselles que fagan dúas probas PCR no primeiro e séptimo días desde o seu regreso.

A decisión para reforzar a loita contra a pandemia tomouse este mércores nunha reunión non prevista das autoridades federais e rexionais para analizar posibles medidas ante o regreso a Bélxica de miles de viaxeiros tras as vacacións navideñas, unhas 100.000 nun país de 11 millóns de persoas.

"Os residentes que regresen dunha zona vermella e que permaneceran alí durante máis de 48 horas deben facer un test o primeiro día e o séptimo da corentena", explicou o Goberno nun comunicado, onde sinala que as persoas que cheguen ao país a partir do 2 de xaneiro de 2021 "recibirán unha SMS ao seu regreso que lles permitirá acudir a un centro de probas".

Ademais, a partir deste xoves, calquera persoa que regrese a Bélxica tras máis de 48 horas nunha zona considerada de risco "debe ser posta en corentena", que só finalizará se se obtén un resultado negativo na PCR do sétimo día. Esta medida aplicarase ata, polo menos, o 15 de xaneiro.

Están exentos da corentena as persoas que "desempeñen funcións críticas en sectores esenciais", os estudantes que teñan que realizar un exame (só para ese momento) ou as persoas residentes en Bélxica que viaxaran ao estranxeiro por motivos profesionais, se o seu empleador o acredita.

Ata o de agora, e en función das regras anunciadas o pasado 18 de decembro, só estaban obrigados a presentar unha PCR en orixe as persoas non rexistradas como residentes belgas á súa entrada no país.

Bélxica tamén asegura que reforzará os controis que realiza aos retornos desde o estranxeiro, especialmente para asegurar o respecto das medidas no marco do tráfico transfronteirizo e comprobar que os non residentes presentan a proba negativa en orixe e os formularios de viaxe cubertos.

Bélxica presenta actualmente unha incidencia acumulada de 264,2 novos casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, o que supón unha diminución semanal do 5 %.