Bebés con pegada dixital, o risco da sobreexposición dos nosos fillos
Lonxe de ser unha práctica esporádica, converteuse no pan de cada día. As fotos dos menores ateigan as redes sociais imitando unha práctica habitual dos famosos e son os propios pais os que as publican na maioría dos casos sen prever as consecuencias.
Libertad Culebras, psicóloga educativa, fala dos riscos: "Estamos creando unha identidade dos nosos fillos, estamos creando unha imaxe deles que ao mellor eles non se sinten de acordo con ela, ou se poden avergonzar. Temos que ensinarlles o concepto de intimidade, o concepto de privacidade. Non todo se pode amosar".
Esas fotos son datos que vulneran o seu dereito á intimidade e privacidade e en moitos casos poñen en risco a súa seguridade.
Libertad Culebras afirma: "Estamos dando información que pode utilizarse con fins delituosos".
A sobreexposición tamén pasa factura cando chegan á idade adulta. "E que isto o asuman como parte da súa vida. Esta necesidade de expoñerse, esta necesidade de aprobación constante por parte dos demáis co risco que ten", comenta a psicóloga.
Na rúa, a percepción da xente é dispar: "Deberiamos ser un pouco máis conscientes do riscos que teñen as redes sociais". "Nun principio non estaba tan en contra pero despois, escoitando cousas, en realidade prefiro evitalo". "Cando ela entenda e non queira que colgue fotos pois non as colgarei, por suposto respectarei a súa opinión. Por agora, como non decide, pois si que o fago".
Nunca ata o de agora houbo unha xeración de nenos cunha infancia tan pública. Os expertos recordan que as redes sociais son lugares para adultos.