BBVA e Sabadell negocian a súa fusión e aspiran a ser o primeiro banco de España

BBVA e Banco Sabadell manteñen contactos preliminares para unha posible fusión, que daría lugar a un grupo con máis de 950.000 millóns de euros en activos e un tamaño en España moi similar ao que tería a unión de CaixaBank e Bankia.
BBVA confirmou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) os contactos con Sabadell e o inicio dun proceso de revisión por parte de ambas as entidades e mais a designación de asesores externos, aínda que aclara que non se tomou ningunha decisión sobre esta potencial operación. De feito, engade, "non existe certeza ningunha de que se chegue a adoptar nin, nese caso, sobre os termos e condicións dunha eventual operación" para crear un banco con 46.000 empregados e máis de 4.200 oficinas en España, ademais dunha importante presenza en México, Turquía e o Reino Unido.
Desde principios de setembro, tras o anuncio de que CaixaBank e Bankia estudaban a súa fusión, os rumores sobre unha posible unión de BBVA e Sabadell empezaron a soar con forza, mesmo se mencionaba a posibilidade de sumar a Kutxabank na operación.
A noticia das conversas para unha fusión chega o mesmo día en que BBVA anunciou a venda da súa filial nos Estados Unidos por 11.600 millóns de dólares, uns 9.700 millóns de euros, a maior operación na historia do grupo, que lle dá unha marxe máis ampla para investir nos mercados en que opera.
De feito nunha conferencia con analistas para explicar a venda, o presidente de BBVA, Carlos Torres Vila, e o conselleiro delegado, Onur Genç, non descartaban aproveitar os fondos para posibles compras ou fusións, o cal disparou o valor das accións tanto de BBVA como de Sabadell, o favorito en todas as quinielas.