CRTVG

Buscar

Batet, un carácter dialogante da plena confianza de Pedro Sánchez

Publicado o 03/12/2019 13:05
Batet, un carácter dialogante da plena confianza de Pedro Sánchez

Meritxell Batet Lamaña repite como presidenta do Congreso tras lograr o apoio da Cámara Baixa e manter a confianza de Pedro Sánchez, que premia así o seu carácter dialogante e a súa actitude serena e centrada ante a situación de Cataluña.

Hai pouco máis dun mes, Batet defendía sen ambaxes a posición de Sánchez en Cataluña tras coñecerse a sentenza do 'procés' e a pesar dos altercados vividos, especialmente en Barcelona, a recentemente elixida presidenta deixou claro que non había necesidade algunha de aplicar nin un 155 nin unha lei de Seguridade Nacional.

Convencida de que o conflito con Cataluña se supera con diálogo, esta militante do PSC, partido que hoxe está presente no equipo negociador do PSOE con ERC para abordar a investidura, sempre apostou por "deixar de cavar trincheiras" e por "desterrar o insulto" das relacións entre partidos.

Nada en Barcelona en 1973, é partidaria de que España evolucione cara a un modelo federal e considera que a mellor maneira de resolver o conflito catalán é dialogar dentro da lei para "reforzar o autogoberno".

E hai dous meses, no seu discurso de peche na última sesión plenaria e ante unhas eleccións xa convocadas, Batet admitía que a política fallara aos cidadáns ao non ser capaces de formar un goberno.

Entón xa subliñaba que "a democracia é máis sabia que as persoas" e mostrábase disposta a que o PSOE, como o resto de partido, rendese contas de novo ante os cidadáns.

Precisamente nesa campaña electoral Batet apenas puido estar presente xa que un problema de vertixes, xa resolto, impediulle involucrarse de cheo nos actos do PSC.

Con todo, Batet quixo estar presente o último día de campaña en Barcelona, a súa cidade natal, e nun vídeo proxectado no 'gran acto de peche', protagonizado por Pedro Sánchez, chamou á mobilización para superar o bloqueo, frear á dereita e ao independentismo.

"Non podemos permitir a exclusión, a división e o odio que nos ofrecen as dereitas e o independentismo", dixo entón a candidata e agora renovada presidenta, resumindo así o seu carácter político.

En máis dunha ocasión, Batet rexeitou o "baixo ton" da política española e preguntouse: "Como poderemos pedir aos cidadáns que se respecten entre eles se non nos respectamos entre nós?", adoita argumentar.

En 1995 licenciouse en Dereito pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, na que foi profesora tras realizar os cursos de doutoramento en Dereito Público.

O seu salto á política deuno como independente no undécimo lugar da lista do PSC de Barcelona nas xerais de 2004. E conseguiu un escano que mantivo ata o de agora.

Como ministra de Política Territorial, onde estivo menos dun ano, tivo un papel protagonista na procura dunha solución para a crise catalá. E, co seu estilo diplomático deu os primeiros pasos cara á distensión

Afincada en Madrid, é nai de dúas fillas xemelgas de seis anos -Adriana e Valeria-, que naceron o 24 de setembro, festividade da Mercè, patroa de Barcelona. Dúas fillas froito do matrimonio que contraeu en 2005 co entón deputado popular José María Lassalle, que foi secretario de Estado de Cultura e do que se separou en maio de 2016.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí