CRTVG

Buscar

Batet informa o Rei da constitución das Cortes e estuda a suspensión dos deputados en prisión preventiva

Publicado o 22/05/2019 08:25

A presidenta do Congreso, Meritxel Batet, e o do Senado, Manuel Cruz, comunícanlle esta mañá ao Rei a constitución das Cortes Xerais do Estado. Ambas cámaras teñen xa sobre a mesa o asunto dos políticos cataláns en prisión preventiva. A súa presenza no hemiciclo, co saúdo de Junqueras a Sánchez incluído, marcou o inicio dunha XIII lexislatura que comeza co reto de resolver o desafío territorial.  

Unha breve conversa e un saúdo ocupan hoxe as portadas de toda a prensa madrileña. Captada desde todos os ángulos, foi escollida como a imaxe da xornada. O líder de Esquerra pide diálogo. E Sánchez responde cun "non te preocupes" cando Junqueras expresa que espera que non o incomodara co saúdo.

Pablo Casado, o presidente do PP, recrimina: "Hoxe vimos como un preso por dar un golpe de Estado a España como Oriol Junqueras se achegou a Pedro Sánchez e lle dixo "temos que falar" e Sánchez díxolle "Non te preocupes". De que non se ten que preocupar o señor Junqueras".

O presidente do Goberno lamentou esta a actitude de PP, Ciudadanos e Vox, que protestaron batendo nos seus escanos ante a fórmula do xuramento escollida polos políticos independentistas en prisión preventiva.

"O Congreso dos deputados non é un ring de boxeo, é a casa da palabra do diálogo e da cooperación", díxolles Sánchez. 

"Desde o compromiso republicano, como preso político e por imperativo legal". Esa foi a fórmula do xuramento que escolleu Oriol Junqueras.  Pero as palabras do líder de Esquerra apenas se escoitaron. Mentres Albert Rivera, de Ciudadanos, tentaba interromper a fórmula de xuramento: "Hoxe viñeron humillar os españois, non o ides lograr. Pero esta cámara merece que vostede nos defenda a todos os espoñois, señora presidenta, pídolle que actúe", dixo.

A presidente da Cámara tirou de xurisprudencia: "Non é a primeira vez que se usan fórmulas distintas. Temos xurisprudencia do Tribunal Constitucional, a sentenza 119/1990, e polo tanto non se minguou a esencia do acatamento", remachou Meritxel Batet.

Pablo Iglesias, o líder de Podemos, engadiu: "Calquera deputado ten dereito a acollerse -e explicouno moi ben a presidenta citando unha setenza do Constitucional- a calquera fórmula de acatamento. E a nosa obriga, por respecto aos cidadáns, e ser respectuosos co que faga cada un".

Batet estreou o cargo dicindo que "o exercicio da democracia non poden ser berros nin faltas de respecto, senón a intelixencia fina e a oratoria", e lembraba que "ningún partido representa en exclusiva un país".

É desde onte a presidenta da cámara máis paritaria de Europa, cun 47 por cento de mulleres, constituída tras unha sesión na que tamén foi protagonista pola estética valleinclanesca e a peculiar oratoria o presidente da mesa de idade, o socialista burgalés Agustín Zamarrón. "Melloren o fluxo, que estamos propensos á trombose no foxo", foi unha das súas frases máis celebradas.

A primeira decisión da Mesa será estudar a suspensión dos políticos cataláns, despois de analizar os informes dos servizos xurídicos da cámara.