CRTVG

Buscar

Bate contra outro coche e arrasa coas mesas dunha terraza en Lugo

Publicado o 09/09/2021 14:03

Unha colisión entre dous coches en Lugo rematou cun dos vehículos implicados levando por diante unha terraza no barrio da Ponte. Cando baixaba pola estrada vella de Santiago, o coche bateu contra outro vehículo que se ía incorporar á mesma vía, e con iso desviouse da súa traxectoria e levou por diante o mobiliario exterior dun dos bares deste cruzamento.

Jesús Carrasco, hostaleiro: "Esnaquizoume toda a terraza e todos os palés e foise contra a parede. A persiana non a puiden pechar, polo que esta noite tiven que quedar a durmir aquí. Algunhas das mesas quedaron debaixo do coche e a moza grazas a Deus tampouco se fixo dano fisicamente. E o outro condutor tampouco".

Afortunadamente, no momento en que o coche bateu contra as mesas, non había cliente ningún na terraza do bar. Outramente, o sinistro puido acabar nunha traxedia.

Jesús Carrasco, hostaleiro: "Por sorte, nese momento non había ninguén na terraza porque estaba chuviscando. Teño unhas clientas que veñen acotío e sentan aquí nesta mesiña a tomar unhas racionciñas a esas horas, e como estaba chovendo pois non viñeron. Gústalles tomar o soliño, que non queren nin que lles abra o parasol, e estou pensando nelas porque volveron nacer. É así de claro".

Os danos materiais producidos no establecemento están pendentes de ser avaliados.

Noticias web

09/09/2021