CRTVG

Buscar

Bate contra dous coches e remata esnafrándose contra un edificio en Santiago

Publicado o 12/09/2019 13:28

O exceso de velocidade é a causa aparente dun accidente de tráfico que ocasionou danos nun edificio de Santiago e en dous coches que estaban estacionados. O condutor fuxiu do vehículo tras o impacto, pero os veciños saben quen é. Denuncian que a velocidade excesiva e mesmo carreiras ilegais son un perigo constante na zona.

Un buraco na fachada de pedra deste edificio da rúa Touro e os cascallos que caeron no interior do garaxe dan mostra da forza do impacto, sobre todo tendo en conta que o turismo sinistrado xa batera previamente contra outros dous coches que estaban aparcados na beirarrúa de en fronte.

"Os veciños din que viña tipo rally. Foise contra dous coches e, de rebote, pegou coa fachada do noso edificio. Os danos, a fachada e un coche que tamén está afectado, e xa vedes como está isto, cheo de cascallos. Foi unha sorte que non houbera ningún coche aquí e que non pasara ninguén pola rúa, porque sería un desastre", explica un veciño do edificio, propietario do garaxe afectado.

Segundo testemuñas do accidente, o condutor fuxiu noutro coche, pero antes de que chegara a policía para levantar atestado aínda lle deu tempo de volver ao vehículo e recoller as súas pertenzas. O presidente da comunidade de veciños afectada polo impacto explica que foi a "unha hora que anda xente cos meniños para ir ao colexio e todo iso e, por sorte, non pasou nada, pero puido pasar unha desgraza moi grave. E esta xente anda así, de rositas, campan olimpicamente, e as autoridades saben quen son pero non lles poñen un candado".

Ocorreu á media mañá de onte, a plena luz do día e nunha hora en que adoita haber xente pola rúa. E non é a primeira vez que sucede. Noutra ocasión, un coche que circulaba a velocidade excesiva chimpou unha farola e máis vehículos aparcados teñen sufrido danos. Pero o máis grave foi o atropelo dun neno. O seu pai recolleu sinaturas contra a velocidade excesiva na zona e conseguiu que instalasen lombos pero, segundo os veciños, non abonda.

"Parece que isto é unha pista de rally. Soben e baixan con toda liberdade e a policía, non sei se o saben ou non, pero penso que saben quen son. É fácil".

A Policía Local xa ten identificado o condutor e están instruíndo dilixencias para levar o caso ao xulgado. Desde o concello sinalan que están valorando a instalación de novas medidas contra a velocidade excesiva.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2019