CRTVG

Buscar

Con barricadas e queima do cartel da factoría, os traballadores de Alcoa inician unha xornada de folga

Publicado o 01/07/2020 07:11

Cortes do acceso á fábrica de Alcoa en San Cibrao, queima do cartel da entrada e berros de "lume,  lume!". Os traballadores da fábrica de aluminio primario iniciaron deste xeito, coincidindo coa quenda das dez da noite, a xornada de folga convocada para este mércores.

Esta acción reivindicativa, que culminarán ante a sede da Xunta en Santiago, será secundada por empresas auxiliares e por numerosos negocios de Xove, Cervo, Viveiro e Barreiros, que pecharán as súas portas, e tamén polos propios concellos, seriamente afectados polo despedimento de 534 traballadores que pretende a multinacional americana e que deixaría a fábrica, que sustenta a armazón económica da zona, cos días contados.

O persoal de Alcoa en San Cibrao, a única empresa de fabricación de aluminio primario que queda en España, leva hoxe á capital galega a súa protesta polo despedimento colectivo que pretende a multinacional estadounidense. Contra o mediodía, está previsto que se concentre fronte á sede da Xunta en San Caetano, nunha protesta á que xa comunicaron a súa asistencia líderes de varios partidos da oposición. Máis tarde, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, manterá unha reunión con representantes dos traballadores.

O vindeiro xoves seguirán as negociacións entre dirección e representantes sindicais para avanzar no ERE.