CRTVG

Buscar

Barreras perde o contrato de construción de dous barcos para Havila polos seus problemas financeiros

Publicado o 13/02/2020 18:54
Barreras perde o contrato de construción de dous barcos para Havila polos seus problemas financeiros

A armadora norueguesa Havila, que contratou a construción de dous transatlánticos no estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, confirmou que, tras a paralización deses traballos polos problemas derivados dos sobrecustos e a crise que atravesa o estaleiro galego, os dous buques serán construídos polo estaleiro turco Tersan. Segundo comunicou a propia armadora, Havila Voyages asinou un contrato con Tersan para a construción dos dous últimos buques da súa ruta costeira. Os traballos comezarán "dentro de poucas semanas", e prevese que se entreguen a finais de 2021". A partir de entón, a navieira poderá operar catro barcos na ruta entre Bergen e Kirkenes. Así mesmo, precisou que "a construción dos dous buques no estaleiro español Barreras se detivo debido aos problemas financeiros" da empresa.

Havila contratou en 2017 a construción de dous minitransatlánticos no estaleiro vigués Hijos de J. Barreras por case 300 millóns de euros, pero os traballos paralizáronse ao cabo duns meses de empezar por erros no deseño das unidades e os sobrecustos que implicaban. En novembro de 2019 o estaleiro vigués, en pleno proceso preconcursal e afogado por unha crise accionarial que aínda non quedou resolta, suspendeu os contratos coa armadora norueguesa como medida de precaución para evitar un maior quebranto coa execución das garantías de reembolso depositadas (case 37 millóns de euros). En todo caso, fontes do comité de empresa trasladaron varias veces a súa esperanza de que eses contratos puidesen retomarse e sinalaron que había "negociacións" para reactivar eses encargos, condicionadas a que Havila puidese conseguir financiamento.