CRTVG

Buscar

Bos días

Barquero, Barcón, Reyes e Sestayo candidatos ás alcaldías de Ourense, A Coruña, Santiago e Ferrol

Publicado o 01/12/2014 09:18

Son os gañadores das primarias que celebrou onte o PSdeG-PSOE en nove concellos galegos.

Xa coñecemos o resultado das primarias que celebraba onte o PSdeG-PSOE en nove concellos galegos. O que fora secretario xeral dos socialistas de Galicia, Pachi Vázquez, foi derrotado por José Ángel Vázquez Barquero e non será candidato á alcaldía de Ourense.
Mar Barcón, Beatriz Sestayo e Francisco Reyes venceron na Coruña, Ferrol e Santiago.

O ex-conselleiro de Medio Ambiente foi derrotado onte polo actual voceiro do PSdeG no concello de Ourense. Pachi Vázquez obtivo 199 votos fronte aos 237 de José Ángel Vázquez Barquero, que será o próximo candidato á alcaldía da cidade.

Na Coruña, a tamén voceira municipal, Mar Barcón, impúxose ao seu rival, Ángel Garmendia, por unha diferenza de 121 votos. Será candidata á alcaldía.

Nesta provincia, todas as agrupacións socialistas estaban chamadas ás urnas para elixir o seu secretario provincial. Finalmente elixiron o alcalde de Culleredo. Julio Sacristán será, pois, o substituto do ex-ministro Francisco Caamaño á fronte do PSOE coruñés, despois de obter un apoio superior ao 60 por cento. Di que chega con vontade de integración. "Ao longo da campaña xa fixen fincapé en que no partido non sobra ninguén, todos somos cenesarios", declarou.

No concello de Santiago o elixido foi o voceiro municipal Francisco Reyes, que conseguiu máis do 56 por cento dos apoios. En Ferrol, Beatriz Sestayo optará a ser alcaldesa, despois de obter un apoio de máis do 66 por cento da militancia.

Ademais de Ourense, A Coruña, Ferrol e Santiago, os militantes socialistas tiveron a opción de elixir o candidato á alcaldía noutros 5 municipios. En Vilagarcía gañou Alberto Varela. Luz Santiago en Marín. En Ponteareas a candidata será María Jesús Garrote. A militancia de Ribeira elixiu a José Manuel Vilas e a de Carballo, a Jesús Añón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

01/12/2014