CRTVG

Buscar

Barnier e Sánchez abordan as negociacións do período transitorio do 'brexit'

Publicado o 30/01/2020 08:36

O presidente do Goberno recibe hoxe o negociador principal da Unión Europea para o 'brexit'. Michel Barnier entrevistarase con Sánchez, pero tamén coa ministra de Economía, Nadia Calviño.

España é un dos países máis afectados polo tratado de saída. Non só por Xibraltrar, senón tamén polo gran número de británicos que viven na Costa do Sol e de mozos españois vivindo no Reino Unido. Os efectos do 'brexit' no sector pesqueiro, nos transportes ou na seguridade serán obxecto de análise nesta reunión.

O último trámite político para a saída do Reino Unido da Unión Europea completábase onte cos números previstos: 621 votos a favor e 49 en contra. Pero deixou unha imaxe inesperada e histórica: os eurodeputados en pé entoando o 'Auld Lang Syne', unha cantiga escocesa para as despedidas que logrou emocionar a moitos ata as bágoas.

O Reino Unido que, da man de Winston Churchill, foi un dos principais impulsores da Unión Europea, vaise despois de 50 anos de irmandade. E moitos eurodeputados británicos expresaron onte o seu desexo de que non sexa un adeus, senón un ata logo.

O Goberno de Boris Johnson quere darse présa para completar o período transitorio de saída a finais deste mesmo ano.

Noticias web

30/01/2020