CRTVG

Buscar

Flexibilízanse dende hoxe os horarios e a apertura de comercios e bares nas localidades de menos de 10.000 habitantes

Publicado o 22/05/2020 12:36

• O BOE publica a orde que elimina as franxas horarias para paseos e deporte en localidades de ata 10.000 veciños cunha densidade inferior a 100 habitantes por km²

A hostalaría diúrna pode reabrir para consumo no interior do local

• Autorízanse os mercados ao aire libre

• Poden abrir salas de lectura nas bibliotecas e instalaci&oacut

O Boletín Oficial do Estado publica este venres a orde pola que as saídas para paseos e deportes non teñen que realizarse dentro dunhas franxas horarias concretas naqueles concellos ou núcleos de poboación que non superen os 10.000 habitantes e que teñan unha densidade de poboación inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado.

Hostalaría

Nesa mesma orde, dise que se poderá proceder á reapertura ao público dos establecementos de hostelería e restauración para consumo no interior do local, salvo discotecas e bares de ocio nocturno. O límite será do 40 %, e só dando servizo en mesa con camareiros, preferiblemente baixo reserva.

Permítense a restauración de autoservizo se teñen pantalla e as racións están empratadas de forma individual.

As terrazas de bares e restaurantes poden abrir ao 50 % nestes municipios.

Mercados ao aire libre

Tamén se autoriza a reapertura de mercados ambulantes, e dáselles preferencia aos alimentarios e de produtos de primeira necesidade, sempre coa garantía de que non hai manipulación da mercadoria por parte dos usuarios.

Serán os concellos os encargados de establecer os requisitos de distanciamento entre postos e as condicións de delimitación do mercado para garantir a seguridade de traballadores, clientes e viandantes.

Menores e franxas horarias

A disposición elimina, desde hoxe, as franxas horarias establecidas para a poboación infantil nestas localidades. Ademais, os menores de 14 anos poderán saír pasear cos dous proxenitores xuntos. Flexibilízase tamén o ámbito territorial en que poderán desprazarse.

Poderán afastarse ata 5 km, tanto dentro do seu municipio como nalgún concello adxacente, se este tamén cumpre as condicións de número e densidade de poboación e está na mesma unidade territorial de referencia (en Galicia, a provincia).

Bibliotecas

As salas de lectura das bibliotecas estarán abertas, e tamén poderán utilizarse os ordenadores de consulta, pero sempre cun 30 % da capacidade total e limpando tanto a zona de lectura como os ordenadores ou outros dispositivos entre un usuario e outro.

Quedan fóra desta medida as salas infantís e as coleccións de libre acceso, que deberán permanecer pechadas.

Instalacións deportivas

As instalacións deportivas cubertas e as piscinas poden abrir xa a un 30 % da capacidade total e con cita previa. Só para facer deporte, no para o baño de lecer. Poden utilizarse os vestiarios e só se permite o adestramento de forma individual ou en parellas se o deporte non esixe contacto.

Nas piscinas só poderá nadar un deportista por cada estaxe e daráselle prioridade aos federados en deportes acuáticos.

Como se estivesen en fase 2, a orde permítelles aos clubes profesionais adestrarse en grupos de 14 xogadores mantendo a distancia necesaria pero segue sen permitirse o acceso da prensa aos adestramentos. 

Os clubs de ligas non profesionais poden empezar adestramentos básicos individuais nas súas instalacións.

Velorios

Os velorios poderán ser de ata 25 persoas ao aire libre ou 15 en espazos pechados, coma na fase 2. A comitiva fúnebre, de ata 25 persoas amais do cura ou oficiante.

Os centros de culto poden abrir coa metade da súa capacidade total.