CRTVG

Buscar

Bares e restaurantes extreman as medidas de hixiene para evitar os contaxios

Publicado o 01/06/2020 21:26

A evolución da pandemia permite ir aumentando a ocupación de bares e restaurantes que se afanan en consolidar novos xeitos de traballar para cumprir estritamente as recomenacións das autoridades sanitarias.

Extrémase a limpeza e a desinfección constante e desapareceron por completo elementos de uso común como panos de mesa ou xornais.

"Hai clientes que veñen tomar un café e ler a prensa e notan que lles falta algo", explica o xerente do Café de Mili en Lalín. 

"Gustábame moito botarlle unha ollada ao Faro e botar unha partida de cartas ou de dominó", di un cliente.

Sen xornais, sen cartas para a partida e sen tapas e racións para compartir os clientes cambian tamén o seu xeito de estar nos bares.

"A xente vaise adaptando, saben que hai unha nova realidade, que hai que ter coidado, que o virus segue aqui", di Mili Faílde.

"Non hai problema ningún, se lles explica a situación e é suficiente", explica Hugo Cabana, do restaurante Marte.

"Se vexo unha mesa libre o máis afastada posible procuro collela. Tamén lavar as mans cos xeles que hai", di o cliente dun local.

"Vese que a hixiene é efectiva por que de momento non hai rebotes", conta outro.

Evitar ese temido rebrote pasa precisamente, din os expertos, polo mantemento destas medidas.

"Na nosa comunidade os niveis están ben, parece que estamos controlando moi ben a pandemia. E para seguir neses niveis hai que seguir tomando as medidas moi en serio", explica o médico de familia Norberto Proupín.

Se a evolución segue a ser positiva, na fase 3 os bares poderán aumentar a ocupación ata o 75% e poderemos volver consumir na barra.



 

Noticias web

01/06/2020

Máis sobre actualidade