CRTVG

Buscar

Bárcenas sae de prisión para gozar dun primeiro permiso de seis días

Publicado o 04/04/2021 22:59

 

 

Bárcenas sae de prisión para gozar dun primeiro permiso de seis días

O extesoureiro do PP Luis Bárcenas saíu este domingo do cárcere co seu primeiro permiso penitenciario e deberá regresar o próximo sábado 10 de abril. Aínda lle queda outra saída concedida polo xuíz.

Condenado a 29 anos de cárcere, está xa no seu domicilio tras ser recollido polo seu fillo Guillermo nas portas do centro penitenciario. Abandonaba así Soto del Real para gozar dos seis días que lle concedeu o xuíz de Vixilancia Penitenciaria. O que foi máximo responsable das finanzas do PP leva dous anos e medio en prisión, desde maio de 2018, tras a condena do Tribunal Supremo a 29 anos de cárcere pola súa participación no caso Gürtel.

Malia que a Fiscalía se mostrou en contra de concederlle o permiso por consideralo prematuro e excesivo na súa duración, renunciou a presentar recurso á autorización que lle outorgou o xuíz de Vixilancia da Audiencia Nacional tras destacar que pasou tres anos e catro meses en liberdade provisional durante a fase de instrución sen intentar fuxir.

En principio podía gozar de doce días de liberdade en dous treitos de seis xornadas cada un, pero debido á pandemia ofrecéuselle coller os doce seguidos, coa única obriga de asinar no penal ao cumprir seis. Pero Bárcenas optou por gozar agora dos seis e deixar o resto para outro momento.