CRTVG

Buscar

Bárcenas insiste nos sobresoldos a Rajoy e en que as probas as teñen os policías da Kitchen

Publicado o 09/03/2021 20:01

Rematou a declaración de Luis Bárcenas no xuízo sobre a presunta caixa B do PP. O extesoureiro insistiu na contabilidade paralela da formación e cualificou a antiga cúpula do PP de covardes por non dar a cara e recoñecer o financiamento irregular do partido.

Bárcenas mantivo que Rajoy o sabía e que tiña audios do ex-presidente que asi o certifican. Pero dixo que esa e outras probas son as que lle roubaron na operación policial coñecida como Kitchen.

"O PP antigo. Non o actual, o de Casado. O PP antigo. É dicir, as persoas, os dirixentes do PP baixo o mandato como presidente de Mariano Rajoy organizan unha operación policial para substraerme os documentos e os soportes de audio. O único molesto, polo menos para min, é a covardía dunha serie de persoas que non están dispostas, como nós estamos facendo, a recoñecer que nos equivocamos", declarou Luis Bárcenas.

Sinalou que hai exresponsables do PP que son "covardes" por non "dar a cara" e recoñecer "que nos equivocamos, que nos financiamos irregularmente e que sabiamos o que estabamos a facer".

Bárcenas, no seu segundo día de declaración no xuízo pola caixa B do PP, fixo esta invitación velada a exdirigentes do partido como Mariano Rajoy ou a exsecretaria xeral María Dolores de Cospedal, animándoos a iso dicindo que xa non tería "reproche penal". Fixo ademais unha clara distinción entre o PP actual e o PP antigo, ao que responsabilizou de todo o ocorrido e "do secuestro" da súa familia a mans dun falso cura.

A preguntas do seu avogado, Gustavo Galán, defendeu a veracidade dos seus famosos papeis e manifestou a súa incomprensión porque se estea xulgando un apuntamento que afecta o seu predecesor, o falecido Álvaro Lapuerta, e que as cantidades recibidas por Rajoy "non sexan certas".

Non entendeu, engadiu, que se vexa un delito de apropiación indebida en Lapuerta pero nada no de Rajoy. Tamén fixo unha clara distinción entre o antigo e o PP actual, ao que desvinculou de calquera relación cos feitos que se están xulgando na Audiencia Nacional.

Bárcenas negou que o que está a declarar sexa froito dunha animadversión ao PP, o que este negou, e aínda que admitiu a súa inimizade coa exsecretaria xeral María Dolores Cospedal, e asegurou que tamén é clara a que sente ela cara a el, como queda patente nunha conversación que esta mantén co excomisario José Villarejo.