CRTVG

Buscar

Bárcenas acusa a Rajoy ante a Fiscalía de destruír os papeis da contabilidade opaca do PP

Publicado o 03/02/2021 15:49
Bárcenas acusa a Rajoy ante a Fiscalía de destruír os papeis da contabilidade opaca do PP

O extesoureiro do Partido Popular, Luis Bárcenas, asegura nunha carta remitida á Fiscalía Anticorrupción que o expresidente do Goberno e exlíder do PP Mariano Rajoy destruíu nunha máquina destrutora de papeis a documentación que reflectía a contabilidade en b do partido, sen saber que el gardaba copia.

Así o relata nesa carta en que narra que coñeceu que Rajoy destruíra esa documentación cando el lle mostrou no seu despacho en 2009 a copia que conservaba desa contabilidade opaca e da que gran parte, asegura, foi despois substraída do estudo da súa muller cando el estivo en prisión preventiva. Un roubo que agora se investiga na peza Kitchen do caso Villarejo.

Nesta mesma misiva, remitida á Fiscalía a cinco días de que comece o xuízo pola caixa  b do partido,  Bárcenas explica que decidiu colaborar coa xustiza ao constatar que "con inxenuidade" deu por boa a promesa que se lle fixo por parte do partido, a través dun intermediario, de que a súa muller, Rosalía Iglesias, non entraría en prisión polo caso Gürtel, polo que ambos cumpren actualmente condena. 

Resposta do PP

O PP atribuiu as revelacións do extesoureiro do partido Luís Bárcenas á estratexia dun preso e sostén que non lle importa "en absoluto o que poida dicir", porque é "parte do pasado" que o partido xa esqueceu e polo que mesmo pagou a súa pena. 

Son declaracións do portavoz de PP no Senado, Javier Maroto, o único dirixente do partido que se pronunciou respecto da carta de oito folios remitida á Fiscalía Anticorrupción na que Bárcenas acusa a Rajoy de desfacerse cunha máquina "destrutora de papeis" da documentación que reflectía a contabilidade en B do partido. 

"En todos os partidos sempre houbo unha ovella negra", dixo Maroto aos medios ante a sede nacional do PP, onde sinalou que a dirección do PP "non ten nada que opinar dun señor que está no cárcere por facer dano ao PP e ao conxunto da política en España". E apostilou: "Non nos importa en absoluto o que poida dicir".  

Bárcenas sostén na misiva que Rajoy percibiu sobresueldos mensuais extraídos da caixa B e explica que decidiu colaborar coa xustiza ao constatar que "con inxenuidade" deu por boa a promesa que se lle fixo por parte do partido, a través dun intermediario, de que a súa muller, Rosalía Iglesias, non entraría en prisión polo caso Gürtel, polo que ambos cumpren actualmente condena.  A xuízo do dirixente do PP, "o mellor" que pode facer o partido é apartarse "de casos como ese para que nunca máis volvan suceder".  

"Bárcenas está no cárcere pagando unha pena por iso, utilizará a técnica que lle diga o seu avogado para remover Roma con Santiago e pagar menos condena. É a estratexia dun preso, e eu non opino da estratexia dun preso", defendeu. 

Con todo, reiterou que "todo iso sucedeu hai moitos anos e padecemos con vostedes a pena do telexornal" e que este episodio é "parte do pasado", polo que o PP aprendeu e se desculpou "Pagamos a nosa pena e agora do que se trata é de evitar caer nunha trampa similar e que non volva ver en España casos como este, nin no meu partido nin en ningún outro", concluíu Maroto.