O banco de alimentos de animais de Lugo pide doazóns de pensos
Axuda Alimentaria Animalista é unha asociación formada por voluntarias que recollen alimentos para animais e que teñen varios destinatarios: familias con poucos recursos, protectoras, colonias e refuxios.
Maioritariamente, os que reciben estes recursos son gatos e cans, pero tamén hai peixes, cabalos, coellos ou hámsters.
Os máis destes pensos chegan por doazóns de particulares ou empresas, pero as voluntarias tamén invisten os seus recursos propios na causa. En total axudan case 200 animais.
Noelia foi este sábado buscar o penso que recolleron para a asociaición nesta tenda.
Tamén fan recollidas en supermercados e en clínicas veterinarias.
Aquí xuntaron case cen quilos, tan necesarios nunha época crítica coma esta.
A asociación tamén colabora con Medio Ambiente denunciando situacións de maltrato, e cren que os máis dos problemas veñen da tenza irresponsable de animais e da cría indiscriminada, polo que aconsellan a identificación e a castración como as medidas máis urxentes para evitar situacións de maltrato e abandono.