CRTVG

Buscar

Un xuíz ve indicios de delito no encontro de Ábalos coa número 2 de Maduro

Publicado o 19/02/2020 09:02

O auto do xulgado de instrución número 7 de Madrid exhorta a AENA para que conserve as gravacións das cámaras de seguridade da terminal 4 de Baraxas correspondentes á madrugada do 19 ao 20 de xaneiro.

O xuíz atende así á medida cautelar urxente presentada polo Partido Popular, pois sostén que dos datos expostos no escrito de denuncia, despréndense indicios racionais de delito. O auto lembra que sobre Delcy Rodríguez, con quen o ministro de Transportes recoñeceu que mantivo nesa data un encontro de 20 ou 25 minutos, pesa unha sanción da Unión Europea como cómplice da represión do réxime venezolano.

Rodríguez ten prohibido entrar en territorio europeo, e o xuíz entende que esas imaxes poden axudar a aclarar se o fixo ou non.

Onte á tarde, o Congreso rexeitou pedir o cesamento do ministro e a apertura dunha comisión de investigación. Deste xeito quedaba rexeitada a moción do Partido Popular que instaba a cesar o ministro Ábalos e crear unha comisión de investigación. A iniciativa foi apoiada por Vox, Ciudadanos, UPN e Foro Asturias, que acusaron o Goberno de abandonar Venezuela, e rexeitada polo PSOE, Unidas Podemos ou PNV, que acusaron a oposición de instrumentalizar Venezuela para desgastar o Goberno sen facer propostas acerca do futuro do país latinoamericano.

O PP fracasaba no Congreso pero non nos xulgados. Porque mentres se votaba a súa moción no hemiciclo, o xulgado de instrución número 7 de Madrid emitía este auto no que ordena que se conserven as imaxes que Aena ten gravadas do encontro entre Ábalos e a vicepresidenta venezolana Delcy Rodríguez o 20 de xaneiro en Barajas ao entender que dos datos expostos no escrito de denuncia do Partido Popular se desprenden indicios racionais de feito delitivo. E advirte de que se incorrerá no delito de desobediencia se non se atende este requirimento. O xuíz entende que a escala de Delcy Rodríguez puido contravir as sancións europeas.

Para o secretario xeral do PP, esta decisión xudicial pon en entredito a credibilidade do Goberno Sánchez. "Digan o que digan as cintas, o que quedou claro é que Ábalos mentiu, Pedro Sánchez mentiu e o Goberno está envolto nunha gran mentira, da que lle vai custar moito saír sen que a súa credibilidade quede danada", dicía Teodoro García Egea.  Ábalos mentiu, Sánchez mentiu. A credibilidade do Goberno quedou gravemente danada".

Nos corredores do Congreso, á saída do pleno, o ministro Ábalos recoñecíase moi tranquilo coa decisión xudicial. "A lei de protección de datos establece un máximo de trinta días, non un mínimo. E seguen aí. Non hai ningún interese. É máis, a min viríame moi ben, aclararíanse as cousas. O importante é que o PP hoxe, pensando obsesivamente en desgastar este Goberno, conseguiu que o Congreso non respalde ao señor Guaidó", dicía Ábalos.

Ciudadanos e Vox presentaban nas últimas horas senllas denuncias contra Ábalos por un presunto delito de prevaricación.

Noticias web

19/02/2020