CRTVG

Buscar

Ábalos dá por feita a prórroga do estado de alarma

Publicado o 16/03/2020 09:26

O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, deu por feita este luns a prórroga do estado de alarma máis aló dos días previstos inicialmente polo Goberno para facer fronte á pandemia do coronavirus. "É evidente que teremos que prorrogar esta situación, xa veremos con que medidas, pero en quince días non creo que esteamos con capacidade para gañar esta batalla", admitiu Ábalos nunha entrevista en RNE.

Advertiu que esa prórroga podería implicar medidas aínda máis severas que as xa adoptadas para frear a propagación do coronavirus. Dependerá da eficacia das xa establecidas, o cal, segundo subliñou, está relacionado directamente co seu grao de cumprimento.

"Se realmente todos somos responsables e actuamos de acordo aos requirimentos e non  banalizamos nin frivolizamos a situación, senón que nos corresponsabilizamos e estamos unidos ante a pandemia, evidentemente terán máis efecto", afirmou.

Ao preguntarlle pola actitude do presidente catalán, Quim Torra, Ábalos chamou a "aparcar" os proxectos políticos e non mantelos "ao amparo desta situación". "Agora a batalla é a saúde das persoas (...) e deberiamos estar a falar exclusivamente diso con ocasión desta crise", recalcou Ábalos, en cuxa opinión Torra "equivócase" porque "nin sequera é coherente coa lóxica separatista" de solidariedade entre os pobos.

O ministro de Transporte considerou, por outra banda, "respectable" a decisión "persoal" e "contundente" de Filipe VI de renunciar á herdanza do seu pai, don Xoán Carlos, que deixa de percibir a súa asignación.