CRTVG

Buscar

Ábalos cre que Maduro ironizaba sobre o segredo da súa xuntanza coa vicepresidenta venezolana

Publicado o 17/02/2020 18:40

José Luis Ábalos quere pasar páxina da polémica do seu encontro en Baraxas coa vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, aínda que admite que a denuncia presentada pola oposición o obrigará a seguir dando explicacións. Este luns fíxoo sobre as palabras do presidente venezolano, Nicolás Maduro, que se referiu ao falado nese encontro como un segredo.

José Luis Ábalos, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana , cre que "o dixo ironicamente. Decatáronse todos de que era unha ironía no sentido de todo o contrario. Pero xa vexo que a alguén lle interesa que teña ese carácter, inventar maletas que caben en coches pequenos, ouro, e tantas cousas que un ve todos os días e que, lamentablemente, un non pode responder"

Os ministros de Exteriores da Unión Europea abordaron este luns o relanzamento do diálogo con Venezuela. A xefa da diplomacia española nega cambios na postura do Goberno.

Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, remítese "ás declaracións que fixo Juan Guaidó, que é quen mellor pode valorar o rol de España, que el entende que é moi importante e construtivo"

Guaidó dixo esta fin de semana que España é un aliado da causa democrática e lembrou que Sánchez foi o primeiro líder europeo que o recoñeceu como presidente encargado de Venezuela.
 

Noticias web

17/02/2020