CRTVG

Buscar

Ábalos comprométese á "eliminación do agravio coas peaxes da AP-9"

Publicado o 26/10/2020 16:55
Ábalos comprométese á "eliminación do agravio coas peaxes da AP-9"

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, comprometeuse á "eliminación do agravio que moitos galegos sofren coas peaxes da AP-9". Asegurouno durante a inauguración do tramo de alta velocidade entre Zamora e Pedralba de la Pradería, da liña de alta velocidade Madrid-Galicia.

O ministro non concretou como se eliminaría ese agravio, pero dixo que este martes se verá nos presupostos do Estado que vai presentar o Goberno.

Ábalos tamén dixo que o corredor atlántico, que involucra ás comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León, terá "o mesmo peso" que o mediterráneo nos orzamentos xerais do Estado de 2021.

Este plan vertebrador do noroeste recibirá, segundo adiantou Ábalos, "un impulso investidor" equiparable ao ideado para o leste peninsular.

"Este Goberno non está por crear máis focos de conflito entre territorios e por iso decidimos apoiar ambos os corredores co mesmo peso orzamentario", manifestou o ministro de Fomento.  

Pola súa banda, a Xunta solicitou ao Goberno central que aposte polo corredor atlántico "como motor para unha reconstrución equilibrada".  

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que participou na posta en servizo do tramo de alta velocidade, subliñou que un noroeste "máis vertebrado e competitivo é un activo ao servizo do progreso e benestar do conxunto estatal".