CRTVG

Buscar

Balnearios e axencias de viaxes, preocupados polos atrasos nos programas do Imserso

Publicado o 04/10/2021 14:10

Tras un ano e medio sen programas do Imserso pola pandemia, e con moitos usuarios ansiosos por retomalos, os atrasos burocráticos impiden, polo momento, poñerlles data de inicio.

Das preto de 60.000 prazas do programa de Termalismo do Imserso, máis de 4.000 están en Galicia. Hai unha vintena de balnearios afectados polos atrasos do programa, que ía empezar en outubro, segundo publicou o BOE, pero aínda non ten data.

Antonio Garaloces, vicepresidente da Asociación de Balnearios de Galicia: "A situación é caótica porque houbo que incorporar incluso o persoal e estamos baixo mínimos".

No caso dos balnearios, o problema son os contratos co Ministerio, aínda se asinar. No das axencias de viaxes, que o proceso de licitación está sendo revisado pola Comisión Nacional de Competencia.

Carlos Puga, director de Viaxes Puga: "Os anos de licitación, normalmente sempre se atrasa. En outubro non vai haber. En novembro ou igual en decembro é cando empezaremos coas viaxes".

A diario, di, atende clientes interesados aos que non lles pode concretar data.

"Nós xa cubrimos a solicitude e estamos esperando que nolo autoricen". "Eu xa teño gana, levamos moito tempo metidos na casa". "Hai moito sector hostaleiro que depende destas saídas", comentan varios afectados.

As viaxes do Imserso mobilizan 800.000 prazas turísticas das que dependen en España uns 47.000 empregos, segundo os datos do sector hostaleiro.

Noticias web

04/10/2021