CRTVG

Buscar

Baleares prohibe o turismo de borracheira en tres zonas

Publicado o 17/01/2020 20:32

As Baleares queren acabar co turismo de borracheira en Praia de Palma, Magaluf e no West End de Sant Antoni en Eivisa. Din que disparou a delincuencia, e todo tipo de prácticas incívicas que molestan os veciños e difunden televisións de todo o mundo.

"Non é a imaxe que quere dar o noso destino, non é a imaxe do noso destino nin a aposta que fan as nosas empresas". afirmaba o conselleiro balear de Turismo.

Un decreto prohibe nesas tres zonas calquera promoción referida ao consumo de alcol, como os 2x1, as excursións etílicas ou as barras libres. En comidas e ceas os hoteis e restaurantes non poderán servir máis de tres bebidas alcólicas por persoa. E as tendas non poderán vender alcol despois das nove e media da noite.

"Parécenos esaxerado porque os licoreiros non só venden alcol venden moitos outros produtos", apunta o voceiro dunha asociacion de comerciantes.

"O que dicimos, loitamos e reivindicamos sempre: efectivos suficientes para que esta norma, do rango que sexa, se cumpra", din desde a Asociación Balear de Ocio Nocturno.

A norma tamén quere acabar co balconing, que só o ano pasado causou seis mortos. Os hoteis deberán expulsar os turistas que o practiquen, que, ademais, poden ser multados con entre 6.000 e 60.000 euros

Noticias web

17/01/2020