CRTVG

Buscar

A hostalería e o comercio ante a fase 1: optimismo, cautela e contas que botar

Publicado o 12/05/2020 08:14

Optimismo e cautela. A fase un chegou a Galicia acompañada por un día solleiro que animou a volver ás terrazas, abertas pero decimadas polas esixencias da futura nova normalidade de hixiene estrema e distanciamento social, fundamentais para que todo vaia ben a partir de agora. 

Os comerciantes están á espera de ver como evolucionan as súas facturacións, temendo que sexan máis baixas, pero con ganas de volver traballar. En España, a federación de autónomos calcula que abriu o sesenta por cento dos negocios que podían facelo neste esperanzador inicio da desescalada.

Polo de agora, a hostalería galega vai depender do tempo, xa que só pode traballar en exteriores. Os clientes devecían por un respiro, e os que estrearon as terrazas estaban satisfeitos, optimistas e cautelosos ante a situación sanitaria.

Este luns solleiro axudou a animar as rúas das cidades e vilas en que as terrazas se atreveron a abrir, decimadas pola limitación de acollida á metade e vixiantes das normas de hixiene e distanciamento social que deben cumprir dende agora.

Os profesionais da provincia de Pontevedra estiman nun cinco por cento as aperturas no sector da hostalería e hospedaxe na súa área. Os hoteis, polo de agora, seguen en mínimos, pendentes do futuro da mobilidade. Os vindeiros días son incertos para todos: o pequeno comercio, pioneiro en atender con cita previa, botou moitas contas. En España, segundo a federación de autónomos, abriron as súas portas o sesenta por cento dos negocios que podían facelo.

Este é o argumento para que parte dos traballadores do sector sigan en ERTE. A maiores, moitas tendas, coma as das grandes cadeas do téxtil, están por riba da superficie máxima establecida para activarse na fase 1. Con todo, sabendo que aínda falta para recuperar o movemento de antano, as rúas comerciais galegas van collendo o ritmo tras semanas paralizadas.

Noticias web

12/05/2020