Un adegueiro de Cenlle elabora un viño do Ribeiro que soterrou un ano baixo a terra
Antonio Míguez Amil escolleu este lugar na súa viña de San Lourenzo da Pena para devolvelo á terra onde se criou. Durante máis dun ano aquí envelleceu, sen ruído, sen luz e sen variacións de temperatura o seu viño Baixo Terra, e agora recupera a vida.
Para elaborar este viño único da colleita do 2017 e que estivo primeiro 14 meses en pipas de carballo empregou unha mestura de castes autóctonas e históricas do Ribeiro como a carabuñeira, o sousón, o caíño, o brancellao e o espadeiro.
Esta serie limitada do Baixo Terra chegará moi pronto a establecementos hostaleiros da Coruña e a Costa da Morte.
Antonio herdou a tradición vitícola dos seus avós e con este viño quere apostar polas orixes do Ribeiro elaborando como el di un tinto plurivarietal que estivo durmido na terra e que agora esperta para perdurar no tempo.