Extinguidos os incendios de Lousame e Noia tras calcinar 77 hectáreas
O de Rianxo foi o máis virulento, pero non o único incendio na comarca do Barbanza. No serán do luns comezou en Lousame un incendio con tres focos simultáneos, polo que se sospeita que foi intencionado. Co paso das horas xuntouse con outro que comezara case ao tempo na parroquia de Argalo, no concello de Noia. Déronos controlados cando xa levaban queimadas case 80 hectáreas, a maior parte de arborizado. O presidente da comunidade de montes de Argalo cre que as tarefas de prevención axudaron moito á hora de extinguir o lume e impediron que se perdese toda a madeira.
"Nestes últimos anos abrimos moitas pistas polo monte. Está todo comunicado. Fixemos un depósito para coller auga e apagar e que foi onde eles se abasteceron. Nós o monte témolo bastante coidado", asegura o responsable da comunidade de montes de Argalo.
Fóra xa do Barbanza, Medio Rural informou da extinción do incendio que queimou 22 hectáreas de monte raso no concello coruñés das Pontes e do que arrasou 83 hectáreas, tamén de monte raso, no lugués de Muras.