CRTVG

Buscar

Baixan os novos contaxios de coronavirus en Galicia, pero segue á alza a hospitalización

Publicado o 10/11/2020 13:15

Os últimos datos feitos públicos pola Consellería de Sanidade confirman a tendencia á baixa iniciada hai uns días en Galicia no que se refire a novas infeccións por coronavirus. Foron 350 os casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, unha cifra inferior ás 425 curacións notificadas.

Deste xeito, o número de pacientes con infección activa a día de hoxe baixa dos 10.000 e sitúase en 9.952. Con todo, esta baixada non se corresponde coas cifras de hospitalización.

Fanse menos PCR

Xa destacaba na xornada de onte a importante baixada de PCR respecto á tendencia da última semana. Eran 5.779, 2.105 menos ca o día anterior.

A cifra notificada hoxe é aínda menor: 4.343, 1.436 probas menos ca onte. Se a comparamos coas cifras das últimas semanas, a caída é aínda máis substancial.

Na semana do 26 de outubro fixéronse 8.449,86 probas de media, sendo o martes 27 o día con menos probas (5.612) e o sábado, o que máis (10.234).

A seguinte, a semana pasada, a media descendeu ata as 7.713,43 de media. O mínimo volveu ser martes (5.973) e o máximo o xoves, con 9.112 probas.

O dato de PCR deste martes segue, aínda que á baixa, a cadencia habitual que apreciamos todas as semanas: os martes son os días en que menos probas se notifican. De feito, temos que remontarnos ao martes 20 de outubro para atopar un número de probas menor ao de hoxe (4.170), unha semana en que a media era tamén menor (6.716).

Segue aumentando a presión hospitalaria

De feito, hai tres ingresos en planta máis ca onte e un máis na UCI (tres máis na Coruña e dous máis en Vigo). Así, hai un total de 609 pacientes de covid-19 nos hospitais galegos, 95 deles en unidades de coidados intensivos. Son cifras semellantes a finais de abril.

Onte notificáronse 21 vítimas máis 

A cifra de mortos non deixa de medrar e, tras a incorporación dos 21 falecementos rexistrados na fin de semana, o Sergas certificou, ata a actualidade, 1.009 defuncións por esta doenza.

Dos últimos falecementos, Vigo foi a área que rexistrou máis mortes, sete en total; catro rexistráronse na Coruña, outras catro en Ourense e tamén catro en Pontevedra, mentras que en Lugo morreu un paciente e outro en Pontevedra. Destas 21 persoas falecidas, nove procedían de residencias de anciáns.

Mapa de niveis de alerta

Ademais, hai 43 municipios en alerta vermella pola incidencia acumulada de contaxios nos últimos sete días, o mesmo número que onte luns e entre os que xa non están nin Santiago nin Ourense. Polo momento, as súas áreas seguen suxeitas a restricións de mobilidade e de actividade.