Segunda xornada sen falecidos, con baixada de contaxios e aumento de hospitalizados
• Hai 172 persoas ingresadas, cinco máis que o día anterior
• Soben os casos activos, con 2.305 persoas infectadas (+19)
O Sergas non comunica este domingo por segunda xornada consecutiva falecementos por covid−19. Así, a cifra mantense desde o venres en 2.368 persoas falecidas por coronavirus en Galicia durante a pandemia.
A evolución epidemiolóxica do coronavirus en Galicia segue a mostrar unha estabilidade na curva con lixeiras oscilacións á alza ou á baixa cada xornada. Este domingo, con datos das 18 horas do sábado, rexístrase unha baixada dos positivos, que volven estar por baixo dos 200, son 174. Iso supón 32 menos que os notificados o día anterior. Tamén se diagnosticaron menos contaxios por PCR: 157 (-33). Fixéronse case un milleiro menos de probas que a véspera, e a positividade sobe do 2,6 % ao 3 %.
Pero hai máis persoas coa infección activa, son 2.305 os casos, que supoñen 19 máis que a xornada precedente. Tamén se incrementa, aínda que levemente, a presión asistencial. Hai 172 persoas ingresadas, cinco máis ca as que precisaban coidados o sábado. Delas, 145, tres máis, están en planta. Tamén soben os pacientes en UCI, que son 27, con dous ingresos novos nas últimas horas.
Situación por áreas sanitarias
As infeccións activas baixan nas áreas de Vigo, Ferrol e Lugo e hai máis enfermos de coronavirus no resto.
A Coruña: 616
Ferrol: 69
Lugo: 158
Ourense: 176
Pontevedra: 315
Santiago: 357
Vigo: 614