CRTVG

Buscar

Descende o número de casos activos en Galicia que suma un novo caso na Mariña

Publicado o 18/07/2020 22:35

Galicia rexistra nesta xornada 218 positivos activos, unha cifra inferior á de onte en 6 persoas, a pesar de que se seguen constatando algúns novos casos relacionados fundamentalmente cos diferentes brotes que se dan na comunidade. A última actualización da Consellería en relación ao brote da Mariña confirma hoxe un caso novo e dous onte. O número de altas dos pacientes contaxiados no inicio deste brote é de 20 nas últimas horas. Isto deixa o número de infectados neste momento na comarca en 119. Catro deles seguen hospitalizadas e a súa evolución é favorable. O número de persoas en seguimento na zona por teren contacto con positivos é de 459.

Outra vila onde se continúa co rastrexo de casos é Betanzos. Un novo positivo onte elevou a cifra a 10, mentres 59 persoas permanecen en corentena por contacto con eles. Nas últimas 24 horas non se detectaron casos novos.

En Vilalba mantense o número de positivos en 4: dúas persoas da mesma familia e outras dúas da súa contorna. Unha destas estivera días antes na Mariña. Todos presentan síntomas leves e pasan a enfermidade na casa, mentres se agardan os resultado das probas ás que foron sometidas as persoas que estiveron en contacto con eles nos últimos días.

Tamén continúa a supervisión dos contactos de tres mozos galegos que deron positivo despois dunha cea de amigos en Madrid onde se contaxiaron cinco persoas. Os tres casos están illados nos seus domicilios de Santiago, Vilagarcía e Cangas do Morrazo.
Outro diagnóstico positivo dun paciente ingresado no Hospital Universitario de Ourense que viaxara desde Lleida a Trives en días pasados obrigou a illar 16 persoas que mantiveran contacto con el. De momento ningún deles presentou síntomas.