CRTVG

Buscar

Baixan os contaxios e os casos e diminúe a presión asistencial, agás nas UCI

Publicado o 01/05/2021 19:50

• O Sergas non notifica ningún falecemento nas últimas 24 horas | Baixan de 200 as infeccións diarias | Aumentan nun os ingresados nas UCI, que alcanzan o medio cento de enfermos

 

 

Nas últimas horas non se notificaron novos falecementos por mor da covid, polo que se mantén en 2.390 a cifra total de mortos dende o inicio da pandemia en Galicia.

Xornada sen grandes sobresaltos pero positiva na evolución dos indicadores da incidencia da covid na nosa comunidade. Caen os casos activos e sitúanse en 3.099 as persoas infectadas co virus, que son 14 menos ca na xornada anterior.  Os contaxios detectados nas probas con datos das 18 horas do venres caen dos 200, e son 191, con 20 menos. Os diagnósticos positivos nas PCR tamén son menos, 172 (-22).

A presión asistencial ofrece unha de cal e outra de area. Son 160 as persoas en planta, que son cinco menos que o día precedente. Pola contra, son 50 os pacientes en UCI, un máis. En total hai 210 persoas, catro menos que as rexistradas o xoves, afrontando o virus nos hospitais das sete xerencias.

Situación por áreas sanitarias

Na análise por áreas sanitarias segue a preocupar a evolución da de Vigo que rexistra un novo incremento de infeccións activas, con 939, seis máis ca na xornada anterior e sitúa os contaxios detectados por PCR por riba da cincuentena, a distancia do que sucede nas outras áreas. Tamén se segue con atención a evolución na de Ourense cunha leve melloría nos datos xa que baixan en dous os ingresados en planta convencional e un menos tamén na UCI, pero case coas cifras en críticos que teñen A Coruña ou Vigo. Preocupa polo envellecemento da poboación.
A Coruña é a que ten máis pacientes en planta co virus, con 54 a gran distancia das outras xerencias galegas.


As infeccións por áreas sanitarias están así:

Vigo : 939

A Coruña : 721

Pontevedra : 477

Santiago : 354

Ourense : 267

Lugo : 239

Ferrol : 102