CRTVG

Buscar

Baixan os casos novos (+526), pero a ocupación das UCI marca un novo récord

Publicado o 08/02/2021 11:14

• Os casos activos caen ata os 19.246 (-720)

• A positividade (4,16 %) é a máis baixa dende o 25 de decembro

A curva da terceira vaga vai consolidando a súa tendencia descendente. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 19.246 casos activos, 720 menos ca onte. É o balance logo de 526 novos casos detectados, a cifra máis baixa dende hai algo máis dun mes —5 de xaneiro—.

 

Por áreas sanitarias, os casos activos quedarían así:

A Coruña: 5.161 (-158)

Vigo: 3.146 (-155)

Santiago: 2.932 (-91)

Pontevedra: 2.483 (-43)

Ourense: 2.096 (-144)

Lugo: 1.767 (-96)

Ferrol: 1.661 (-33)

 

Récord nas UCI

Os datos de hospitalizacións debuxaban na última semana unha tendencia cara á estabilización e o descenso. Porén, o Sergas notificou hoxe (con datos consolidados de onte ás 18:00) unha suba en planta en na UCI. Hai 1.317 persoas ingresadas en Galicia por mor da covid−19: 1.063 en planta (+37) e 254, nas UCI (+6), a maior cifra no que vai de pandemia.

O número de vítimas segue en aumento: 1.967 persoas faleceron polo coronavirus no país no que vai de pandemia, logo de notificar o Sergas o pasamento de 17 persoas nos últimos días.

A positividade, por debaixo do 5 %

Por primeira vez dende o 25 de decembro, a taxa de positividade das PCR (número de persoas que dan positivo por cada cen persoas que realizan unha proba PCR) está por debaixo do 5 %: un 4,16 %. Fixéronse 11.772 probas, das cales deron positivo 490.

 

Mapa de incidencia por concellos