CRTVG

Buscar

Baixan os casos no País Vasco e Cataluña, mentres Salvador Illa di que non regresaremos a marzo e abril

Publicado o 30/08/2020 14:46

O virus continúa a súa progresión, aínda que algunhas cifras son mellores ca as de onte. No País Vasco, os positivos baixan ata os 673 tras tres días seguidos en máximos superando os 800 casos. Cataluña comunicaba esta mañá 1.527 positivos, 20 menos ca onte, e nove falecidos. Mentres, continúa a polémica pola concentración de rapaces sen gardar a distancia social, onte, en Vilafranca del Penedès coincidindo coa data da festa maior. Tivo que intervir ata Quim Torra para pedir que se respectasen as normas.

Agora preocupa a situación das illas de Gran Ganaria e Lanzarote, que superan amplamente os 100 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días.

Neste contexto, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, rexeita o alarmismo ante a situación actual nunha entrevista divulgada polo rotativo catalán La Vanguardia: "Nada fai pensar que volvamos ter unha situación como a que tivemos en marzo e abril. Agora ben, hai que facer as cousas ben feitas, temos que tomar en serio isto, non podemos xogar nin tomar isto como unha cousa xa superada nin xa vencida".

Illa tamén amosa un optimismo matizado sobre os prazos para a vacina do coronavirus: "Se todo vai ben, e sexamos prudentes, a finais de ano, en decembro, poderiamos ter as primeiras doses de vacina en Europa e, por tanto, tamén en España e de forma progresiva teriamos doses para ir vacinando a poboación".

Mentres, o aumento da mortalidade volve ao primeiro plano. La Voz de Galicia sinala hoxe que aumentaron os falecidos en España nas últimas semanas: concretamente 2.540 decesos máis, entre o 27 de xullo e o 15 de agosto, con respecto a un ano normal. Ese incremento afectaría fundamentalmente aos maiores de 64 anos. Son datos que basean no Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria.

Noticias web

30/08/2020