CRTVG

Buscar

Baixan os casos activos, pero aumentan os contaxios e a presión asistencial

Publicado o 02/04/2021 11:02

• A Coruña é a área sanitaria máis afectada, aínda que segue baixando

• A área de Vigo detén a súa tendencia á alza das últimas semanas

Baixan os casos activos, pero aumentan os contaxios e a presión asistencial

Galicia rexistra este venres 2.306 casos activos, 34 menos que na última xornada. En canto aos contaxios diarios, detectáronse 154, 16 máis que o anterior reconto, nunha xornada na que tamén aumenta a presión asistencial en UCI e en planta e descenden levemente os casos activos.

Por áreas sanitarias, A Coruña é a máis afectada en termos absolutos, aínda que continúa baixando. Despois sitúase Vigo cun leve descenso. Os contaxios vixentes por áreas asistencias son:

A Coruña: 752 (-31)

Vigo: 621 (-6)

Santiago: 274 (+4)

Pontevedra: 238 (+9)

Lugo: 162 (-7)

Ourense: 151 (+9)

Ferrol: 108 (-12) 

Soben as hospitalizacións

No que respecta ás cifras de presión asistencial, nas últimas horas subiu. Arestora permanecen hospitalizadas 182 persoas, 11 máis ca onte. Un total de 152 están en planta e 30 en Coidados Intensivos, dúas máis ca este xoves. Cos datos facilitados polo Goberno, Galicia segue sendo a comunidade con menos pacientes de coronavirus nas súas UCIS (3,6 %), moi lonxe da porcentaxe considerada de risco, situado no 25 %. 

No que levamos de pandemia notificáronse 117.316 infeccións, das que xa se superaron 112.687.

Positividade en lixeiro ascenso

 Durante as últimas 24 horas realizáronse 5.449 probas PCR, cunha taxa de positividade do 2,55 %. Esta taxa continua baixo o limiar do 5%, máximo recomendado pola organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.