CRTVG

Buscar

Baixan os casos activos en Galicia, tamén diminúen en Lugo, e por primeira vez na Mariña

Publicado o 12/07/2020 15:53

Galicia rexistra 253 casos activos por coronavirus, 6 menos ca o sábado, dos que 199 son da área sanitaria de Lugo, que reduce en 4 o seu número ata os 199, co que experimenta unha lixeira melloría. No brote da Mariña quedan 185 casos, un menos que o sábado, o que supón a primeira baixada desde que se iniciou o 23 de xuño. Coas cinco altas das útitmas horas neste distrito sanitario, unha trintena de persoas xa se curaron.

248 persoas están en seguimento domiciliario, un permanece na UCI, no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e catro en unidades de hospitalización.

Por áreas sanitarias hai 19 contaxiados na Coruña, con 3 menos ca na xornada anterior, 4 en Ourense, 5 en Pontevedra, 11 en Vigo, onde sobe un caso máis, 14 en Santiago e un en Ferrol. Un total de 10.940 pacientes xa se curaron e mantense a cifra de falecidos en 619 persoas.

En Galicia xa se realizaron 216.499 probas PCR. 

Baixan os casos activos en Lugo

Co todo, é a provincia que concentra o maior número de positivos, vinculados na súa maioría ao brote da Mariña. Nesta comarca o último balance deixa 185 casos activos, un menos ca onte. 

Co movemento limitado entre os municipios de costa, os veciños de Cervo aproveitan a xornada de descanso. "Poderíamos ir a Xove e así, pero mellor non moverse de aquí", di un veciño.

A comarca da Mariña rexistra 185 casos activos, un menos ca onte, e segue con dous ingresados. Canda o sol, a cautela manda na rúa. Unha nai explica que a súa filla sabe que "hai que lavar as mans, non pode ter contacto, cando fala con algún neno a metro a medio. E logo, cando imos á praia, intentamos non estar preto de ningún grupo de xente".

Liberdade de movemento no Vicedo e nos municipios do interior da Mariña. En toda a comarca hai resricións, entre outras, de horario e de ocupación de locais. A máscara, obrigatoria. "Prácticamente está a rúa soa e andamos con máscara igual", explica un veciño. "Estamos á espera de que amaine un pouco o de Burela", cóntanos outro.

E o máis limitado, Burela, o foco quente do brote, segue pechado. "É coma todo. Seguridade nunha obra... a seguridade depende de nós", asume a veciñanza.

Na UCI só hai un paciente, o home que chegou en autobús a Vigo desde Madrid. Permanece grave no Álvaro Cunqueiro. O rastrexo dos seus contactos segue. Hai outros catro en plantas de hospitalización. O resto dos positivos que hai en Galicia, 248, permanecen nos seus domicilios.