CRTVG

Buscar

Baixan os casos activos e os contaxios diarios en Galicia

Publicado o 09/11/2020 08:10

Galicia experimentou por primeira vez en semanas unha redución do número de contaxios diarios. Con todo, as cifras aínda continúan sendo moi elevadas. Nas últimas horas rexistrábanse 545 novos positivos e sete mortes, e por tanto Sanidade insta a sermos prudentes e a cumprirmos as restricións que están vixentes para dar freado a expansión do virus.  

As últimas cifras sobre o coronavirus en Galicia revelan unha baixada significativa dos casos activos porque houbo 700 altas. É a primeira vez en tres semanas que se reducen os contaxios diarios, que onte foron, con todo, máis de medio milleiro, coa Coruña e Vigo á cabeza. Son as cidades grandes, precisamente, as que máis preocupan ás autoridades sanitarias.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Preocúpannos todas as grandes cidades e, de feito, as medidas foron encamiñadas a esas áreas máis urbanas; en particular preocupounos moito Ferrol cando tomamos as medidas, de feito, foron as máis estritas na primeira semana. Preocúpanos Santiago, Pontevedra, Vigo. Ourense xa leva un tempo mellorando os datos".

Os casos activos reducíronse nas últimas horas en todas as áreas sanitarias, agás na de Pontevedra. A área de Vigo concentra a cuarta parte de todos os casos activos en Galicia: máis de 2.500. Proximamente vaise facer un cribado por idades e priorizando os traballadores sociosanitarios.

Miguel González Gallego, director médico do hospital Vithas-Fátima de Vigo: "Pasamos de ser algo anecdótico, con un ou dous positivos a non baixar de sete ou oito diagnosticados cada día en urxencias".

Na comparativa co resto de España, Galicia é unha das comunidades con menos incidencia acumulada a 14 días. A metade da poboación ten restricións de mobilidade que se revisarán nas vindeiras semanas.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Estas medidas producíronse inicialmente para catro semanas, que nos parece un período razoable, e neste tempo o comité clínico e a Dirección Xeral de Saúde Pública analizará a evolución dos datos e se hai que endurecer nalgún caso ou aliviar noutro farase, pero seguindo un criterio epidemiolóxico e técnico".

Medio cento de concellos galegos están no nivel máximo de alerta. Onte entraron na lista Ponteceso, Santa Comba, O Carballiño, Verín e Vilalba.

Noticias web

09/11/2020