CRTVG

Buscar

Baixan os casos activos e Ferrol convértese na primeira área sanitaria galega sen infectados

Publicado o 19/07/2020 16:20


A Consellería de Sanidade notificou esta mañá novamente un descenso na cifra de casos activos de coronavirus. Hai 207 persoas que sofren a enfermidade, 11 menos ca onte. O número de altas que se deron nas últimas horas é de 16; dedúcese, pois, que se rexistraron cinco novos positivos. Do total de casos, hai oito persoas ingresadas, catro delas na Mariña, e xa non queda ninguén na UCI despois da melloría do último paciente ingresado no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Os últimos datos do brote mariñán cifran o número de casos activos en 112, sete menos ca onte. Non se rexistrou ningún caso novo nas últimas 24 horas, e en total durante esta semana a Consellería notificou oito positivos. Desde o domingo pasado, a cifra de casos nesta comarca vai diminuíndo progresivamente.

En relación ao brote de Vilalba, onte confirmábanse dous novos casos en Xermade vinculados á contorna familiar dos primeiros infectados. Son en total seis persoas as que sofren a enfermidade.

En Betanzos non trascenderon novos casos nas últimas horas, por tanto a cifra deste brote mantense nos dez infectados. Tampouco se rexistraron novos casos na área de Ourense que cobre a comarca de Trives, onde hai 16 persoas en illamento domiciliario que estiveron en contacto cun home infectado chegado de Lleida.

O número de casos activos mantense ou baixa en todas as áreas sanitarias, e Ferrol é a primeira onde non queda xa ningún caso.

Noticias web

19/07/2020