Súmanse 3 mortes nunha xornada en que baixan os activos e os contaxios diarios
• As infeccións son 2.223 (-83) e os contaxios 108 (-46)
• A presión asistencial estabilízase con dous pacientes menos en planta
Nas últimas horas, Sanidade notificou a morte de tres persoas por mor da covid, todos eles con patoloxías previas. Trátase dun home de 86 anos, que faleceu o 2 de abril no CHOP, e un home e unha muller de 75 e 88 que morreron este sábado no CHUS. Con estes datos, a cifra total de falecidos ascende a 2.347 dende o inicio da pandemia en Galicia.
Os indicadores da evolución epidemiolóxica están este Sábado Santo en Galicia nunha situación de estabilidade coa curva nunha meseta. Os casos activos da covid son 2.223 ás 18 horas do venres, cunha baixada de 83 respecto ás rexistradas a xornada anterior.
Caen tamén os contaxios ata os 108, que son 46 menos que os notificados ás últimas horas do xoves. E tamén se reducen os diagnósticos por PCR ata 90, que son 49 positivos menos nesta proba.
A presión asistencial mostra unha certa estabilidade e son 210 as persoas hospitalizadas, dúas menos ca a xornada precedente. A baixada é de dous pacientes menos en planta mentres que en UCI seguen ingresadas 30 persoas, a mesma cifra que o día anterior.
Baixan os casos activos (-83) ata situarse en 2.223 en Galicia:
— G24 (@G24Noticias) April 3, 2021
Nas últimas horas contabilízanse 108 novos positivos
Mantéñense os ingresos nas UCI e baixan en planta (-2)
Máis datos, aquí https://t.co/TUqeeqS34q pic.twitter.com/bqr8wuZcVv
Situación por áreas sanitarias
As persoas co virus activo repuntan na demarcación sanitaria de Santiago, mentres baixan nas outras seis. Canto ás persoas que precisan coidados en agudos, os mellores datos esta xornada están en Ourense e Pontevedra cun paciente en UCI en cada unha delas. Mentres que a que máis enfermos ten ingresados nestas unidades e A Coruña, con 13.
As infeccións nas distintas áreas son:
A Coruña: 719
Ferrol: 103
Lugo: 139
Ourense: 144
Pontevedra: 230
Santiago: 283
Vigo: 605