CRTVG

Buscar

Caen en Galicia as infeccións pola covid−19, os contaxios diarios e os ingresos

Publicado o 05/09/2021 21:10

• O Sergas informa da morte de dúas persoas por coronavirus, 2.584 durante a pandemia | Os casos activos son 6.116 (-512)

• Caen dos douscentos os hospitalizados e hai 197 persoas ingresadas

 

 

A quinta vaga do coronavirus segue a dar mostras en Galicia de que remite na súa incidencia xornada a xornada. Os casos activos continúan a baixar en mais de medio milleiro cada 24 horas e son agora 6.116 as persoas co virus en Galicia, 512 menos que o día previo, conforme os datos facilitados polo Sergas das 18 horas do sábado.

Tamén se reducen os novos positivos detectados en todas as probas diarias, despois da suba das 24 horas anteriores, e son agora 208 (-108). Galicia rexistra a cifra mais baixa de contaxios desde xuño.

Mellora a presión asistencial e son 197 as persoas que permanecen ingresadas por covid−19, cinco menos que o día anterior. Son así xa menos de 200 as que necesitan atención hospitalaria polo virus. A diminución aparece tanto en planta, onde hai 151 pacientes, que son tres menos, coma nas UCI, con 46 enfermos, dous menos.

O Sergas notifica este domingo o falecemento de dúas persoas por covid−19:  unha muller de 89 anos ingresada en Pontevedra e un home de 72 no hospital de Vigo. A cifra de persoas mortas en Galicia durante a pandemia é de 2.584.

Situación por áreas sanitarias

Caen as infeccións activas en todas as áreas sanitarias galegas. Os descensos mais acusados prodúcense na Coruña cun cento menos, en Santiago con 96 persoas menos co virus e en Vigo, que se reducen en 90. Só os hospitais da Coruña-Cee manteñen mais dunha decena de pacientes nas UCI, con 13, conforme os últimos datos facilitados.

A Coruña :  1.516

Ferrol :  352

Lugo : 1.243

Ourense : 593

Pontevedra : 371

Santiago : 1.132

Vigo : 909