CRTVG

Buscar

Baixan ata 517 as vítimas mortais nas últimas 24 horas, pero soben respecto ao sábado

Publicado o 13/04/2020 13:14

• Un 2 % de contaxios nas últimas 24 horas, a porcentaxe máis baixa desde o inicio da pandemia | En total, 169.496 positivos en coronavirus en España

• Xa están curadas 64.727 persoas con COVID-19

Son 517 vítimas mortais nas últimas 24 horas. Volve baixar a cifra de mortos respecto a onte, que foi 619, e sobe algo respecto ao sábado, día en que houbo 510 vítimas mortais.

Cos de hoxe, o número de falecidos elévase en total a 17.489 en toda España desde que comezou a pandemia, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade.

Os últimos datos de Sanidade, segundo as cifras que comunican as comunidades autónomas, tamén apuntan a que está funcionando o confinamento. Nas últimas 24 horas deuse a menor porcentaxe de contaxios, un 2 %, o cal significa un total de 517 novos contaxios por coronavirus.

Con estes novos casos, o número total de persoas contaxidas en España desde que se fan tests suma un total de 169.496 positivos con COVID-19. E o mellor dato é o número de pacientes con COVID-19 que xa recibiron a alta, en total 64.727.

As comunidades autónomas máis afectadas seguen sendo Madrid, con 47.146 positivos en coronavirus, Cataluña, con 34.726, e xa afastadas Castela-A Mancha con 14.054 persoas contaxiadas, e Castela e León con 12.628 contaxios.

A comunidade menos afectada segue sendo Murcia, con 1.463 contaxios. E moi afastadas en positivos, as cidades autónomas de Melilla, con 101 casos, e Ceuta, con 95 casos.

O coronavirus segue avanzando en España a un ritmo cada vez máis lento. Tanto o número de falecementos como o de novos contaxios aumentou, nas últimas 24 horas, un 2 %. E a mellor noticia é que catro de cada dez persoas que enfermaron xa recibiron a alta.

"É luns e é importante que pasen uns dias para consolidar os datos, pero as cifras seguen confirmando a tendencia descendente, dí María José Sierra, do Centro de Control de Alarmas e Emerxencias sanitarias.

Os datos non reflicten aínda as dúas semanas de parada total da economía.

"Os datos que estamos coñecendo agora son de hai dúas ou tres semanas", asegura a doutora Sierra.

Os contaxios prodúcense, por tanto, nas residencias de anciáns e nos domicilios con algunha persoa infectada. Os efectos da volta ao traballo de milleiros de empregados, entre hoxe e mañá, non se coñecerán ata dentro de quince días. O Goberno espera a ter estes datos para decidir se empeza a suavizar o confinamento.

O ministro di que prefiren ser prudentes e que aínda non hai data para relaxar as medidas.

Con respecto ao descenso do confinamento, o ministro dixo que se barallan varios escenarios, como permitir a saída da casa para facer exercicio individual ou pasear cos nenos. Pero ningunha delas se adoptará polo de agora.