CRTVG

Buscar

Baixan a 529 os novos casos da covid-19 en España, con descensos en Cataluña e Aragón

Publicado o 21/07/2020 18:11

O Ministerio de Sanidade informou de 529 novos casos de COVID-19 nas últimas 24 horas, o que supón un descenso fronte aos 685 notificados onte, 156 menos. Así, o número total desde o inicio da pandemia sitúase en 266.194. Nas últimas dúas semanas, 4.717 persoas iniciaron síntomas de COVID-19 e foron diagnosticadas con positivo, 1.481 só nestes sete días pasados.

Estas cifras son similares ás reportadas onte polo Ministerio, con 4.569 e 1.548. Por comunidades autónomas: 

Andalucía 42

Aragón 187

Asturias 2

Baleares 3

Canarias 1

Cantabria 2

Castela-A Mancha 4

Castela e León 15 

Cataluña 63

Comunidade Valenciana 22

Estremadura 11

Galicia 5

Madrid 48 

Murcia 5

Navarra 82

País Vasco 31

A Rioxa 6.

Con respecto a este luns, incorporáronse dous novos falecementos, nove na última semana (dous en Castela-A Mancha, dous en Castela e León, un en Comunidade Valenciana, tres en Madrid e un en Navarra), para un total de 28.424, segundo as estatísticas oficiais en persoas con diagnóstico confirmado.

Na última semana producíronse 268 ingresos hospitalarios por COVID-19 (126.113 en total): 30 en Andalucía, 69 en Aragón, un en Asturias, cinco nas Baleares, un nas Canarias, dous en Cantabria, 21 en Castela-A Mancha, once en Castela e León, 17 en Cataluña, 21 en Comunidade Valenciana, dúas en Estremadura, sete en Galicia, 57 en Madrid, un en Melilla, dez en Murcia, cinco en Navarra e oito en País Vasco.

Houbo 13 en unidades de coidados intensivos (UCI), que supoñen xa 11.733 desde a chegada do COVID-19 a España: dous en Andalucía, tres en Aragón, un en Castela-A Mancha, dúas en Cataluña, tres en Madrid, un en Murcia e un no País Vasco.

Seguen activos 200 brotes en toda España, con epicentro en Aragón e Cataluña

Continúan activos máis de 200 brotes en toda España, pero cun dato esperanzador. Os infectados descenden en máis de 150 respecto aos datos deste luns. Cataluña e Aragón rexistran seis de cada dez novos contaxios, e polo momento as restricións non son quen de frear a transimisión do virus.

O foco de L`Hospitalet esténdese pola área metropolitana de Barcelona e alcanza a comarca do Vallés Occidental, cos primeiros casos en Sabadell e Terrasa. Barcelona xa ordenou diminuír nun 15 por cento a ocupación en 10 das súas praias para tentar reducir a propagación.

En Murcia comezan a realizar probas a ducias de veciños de Totana que estiveron nun pub clausurado por un caso positivo. En Alacante, varios centos de clientes da discoteca de Santa Pola tamén deben acudir aos puntos das PCR tras rexistrarse un brote.

En Andalucía hai activos 27 focos, o máis importante segue a ser o de Córdoba. A festa estudantil nunha discoteca deixa 92 positivos e unhas mil persoas illadas nos seus domicilios. O Goberno volve pedir prudencia aos cidadáns, especialmente aos máis novos, para que extremen as precaucións no ocio nocturno.

Euskadi contabiliza 90 novos casos positivos, as dúas terceiras partes deles rexistrados en Biscaia. O Goberno Vasco amplía a Ermua e Bergara as mesmas restricións en hostalería decretadas para outras localidades como Ordizia ou Zarautz por mor da extensión dos brotes do coronavirus.